Ademáis de apostar forte polo desenvolvemento industrial, o noso concello está a desempeñar un papel moi importante no que en canto as enerxías renovábeis se refire, mostra disto é o parque eólico de Requeixo promovido pola empresa Somozas Energías Renovables, S.A.; está formado por sete aeroxeneradores capaces de producir unha potencia de 10,5 Mw.
No ano 2002 púxose en funcionamento o Parque Eólico das Somozas, contruido pola empresa Energías Ambientales, S.A. (EASA). Está equipado con 80 aeroxeneradores marca ECOTECNIA e produce unha potencia de 48 Mw.
En maio do 2005 este concello acordou coa empresa danesa Vestas a instalación en As Somozas do aeroxenerador máis potente e máis grande de España. Esta máquina ten 3 Mw de potencia, que é o dobre do habitual, todo o aeroxenerador ten 80m. de altura e cada pala mide 43 metros. Vestas instalou esta máquina para o concello no lugar de Fontelo constituindo deste xeito o Parque Eólico Singular Monte das Augas. Este parque entrou en funcionamento en xuño de 2006 e nestos momentos está a producir energía eléctrica que o concello vende á empresa distribuidora Unión Eléctrica Fenosa SA.
En febreiro de 2004 a Consellería de Industria autorizou a sociedade Energías e Recursos Medioambientales, S.A. (SOERMASA) a construción dunha planta de biomasa en As Somozas. Trátase dunha planta de xeración eléctrica utilizando como combustible principal biomasa secundaria de restos forestais e ata un 10% de combustibles convencionais, e que vai estar situada no parque industrial das Somozas.